sábado, 21 de xullo de 2012
UNHA TARDE DE VERÁN
O sol estase agochando trala ría de Viveiro.
O aire fresco do luscofusco póusase sobre os meus ombros e remexe o cabelo crecho sen respectar as canas dos 40.
Hai ruído na cidade. Houbo pasar algo xa que as sirenas da ambulancia e da policía levan un anaco mesturándose co ruxe-ruxe do tráfico que vén de traballar, coas gaivotas e as pombasque sobrevoan a vila e cos comentarios da xente que anda a percorrer o paseo marítimo.
Un can ladra ao lonxe.
Todo se mestura apaciblemente: as bucinas, os risos dos rapaces, os diferentes fonemas dos veraneantes...
Todo un son acorde coa tarde apacible.Unha orquestra que actúa impasible nesta tarde, no solpor da ría.
Un neno berra por súa nai e pregúntalle se hai que irse. Para que abandonar este momento e irse para a casa?
Mentres todo isto acontece hai un cerebro que se encarga que distinguir todo este feixe de sons, sinais e palabras.
Vale a pena gozar do momento como non é habitual, cunha tranquilidade que ata a min me asusta.
Un longo respiro. Volvo respiar e percátome de que un fotógrafo inmortalizará este momento, este intre que ao mellor se repetirá noutro lugar ou doutro xeito.
Hai privilexios dos que hai que gozar a pesar de todo o que está a caer no país.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
