venres, 30 de xullo de 2021

O camiño


Se as pedras falasen... se as pedras do camiño falasen contaríanche dos meus pasos equivocados, errados, acertados.

Se as pedras falasen soletrearían cada un dos meus sentimentos como as bágoas que derramo polo baleiro, pola túa ausencia.

Se as pedras falasen diríanche dos meus risos, dos meus soños e recordos. Mais non falan non. A súa mudez exquisita e dura está nos miolos de quen hoxe as ve, as veu e, reparando nelas, fixo unha plasmación fotográfica, fixo un recordo de sentires que sabe que só unha vez na vida puido amosar.

Se as pedras falasen... o meu camiño sería máis chan, máis doado, ledo... e  non... sobre elas choro unha vez máis.

Creo nos nomes das pedras e nos nomes do mar que fan fluír en min o ardor e ardentía que ninguén sacia.

 

mércores, 28 de xullo de 2021

A calma

 

Golpea a choiva, treme o mar e os raios adornan o ceo da tarde.

Non é brisa. É o vento forte que acompaña na travesía do veleiro que se emproa ao nordés. 

É vento forte, mareiro, que infla as velas para facelas globo e voar.

A música relaxante, tranquiliza o ler, volve apaisados os minutos de espera, descobre esa opacidade emocional que se garda íntima e que só algúns poden ver como, de forma sinuosa, se somerxe nas ondas bravas.

É brisa isto?

É un engano?

É un canto musicado no interior do ventre, un tempo a destempo.

Só é o contestar dos paxaros tras o temporal.

A calma.

martes, 27 de xullo de 2021

Afundimento

 

Hoxe é o día. 

Toca.

Para volver erguerse cómpre caer, chorar, saloucar, pensar, remoer e lamentar.

Falta o respiro, estou cansa. 

De boa gana acubillábame nun recuncho oculto do planeta para chorar ata secar; berraría ata quedar sen notas e derrubaríame ata quedar reducida á insignificancia.

Doe a dor. Doe o non poder e si o querer. Doe o sentir lástima da vida. Doen tantas cousas... que seguen doendo, inzando de negrura a alma e asolagando con bágoas as cuncas enfermizas dos meus ollos.

Non serven os laios, non... mais preciso chorar en silencio. Necesito o meu silencio, ese que non traspasan as bombas nin os odios. Choro.

Hoxe, só hoxe me afundo.

Mañá amencerá con choiva ou sen ela... mais sei que unha pequena raiola entrará pola físgoa da paz da miña fiestra. 

venres, 23 de xullo de 2021

O avó


O avó come papas de millo e xa non se lembra da neta maior.


Chora e seguro que no seu maxín pasan as lembranzas de cando era novo e lle chegaron as fillas, os fillos, os celtas, os ducados, o peixe e a  botella de viño.


O avó come papas de millo que lle dá a filla maior e lémbrase con moita dificultade dos netos. Só daqueles que o foron visitar ao fogar onde non se respira o amor.

O avó pensou que comía papas de millo e á neta maior, da que non se lembra, acaba de caerlle unha bágoa que non puido deter na folla do lado.

O avó triste e só, masca, roe o último respiro de tabaco que lle queda no padal. Respira a última calada da cabicha da vida.

 

xoves, 22 de xullo de 2021

Novembro

 

Xa non me acompaña a lúa polas mañás cando cruzo a ponte.

Agora é o mencer claro, azul e branco que me guía ata o meu destino. E miro o mar da ría. 

E oio música e, de cando en vez, déixolle ao orballo da  mañanciña meterse nos verdeais para que unha bágoa pequerrecha humedeza o meu carmesí. E logo... suspiro. E sigo.

Un día máis. Aí vou... e aquí estou.

Hoxe os ceos eran papeis apaisados pintados con cores moi febles. Acompañáronme na tarde.

Cada pegada que había era un sorriso... unha nota, un verso, un estadio de min... e cando chego á casa, observo a única rosa branca do xardín veciño.

 Sorrío tamén.

martes, 20 de xullo de 2021

Éxtase

 



Fun unha primavera que arrecendía flores.

Fun versos escritos, exclusivos.

Fun sons, acordes, desacordes...

Fun un pozo no que fluía a auga fresca.

Espertei tarde.

Son a parada dun tren que xira constantemente e que non para.

Un tren que se detén onde e cando lle peta..

Re-negueime.

Re-inventeime.

Re-escribinme.

Re-vivo sensacións, case esquecidas, case inexistentes.

Conversas entrecortadas.

Silencios...que se van cubrindo co pano inmaterial da miña voz.

Silencios... que tocan as fragrancias ...

Silencios... que dixitalizan os gustos.

Con todo este ruxerruxe rozan os fonemas....resoan e bisbisean en perfecta harmonía.

A éxtase vai argallando así en todos os fluídos. 



luns, 19 de xullo de 2021

Almorzo

 



Escoita música triste mentres remata o almorzo. Sabe que precisa un cambio. É unha persoa de cambios. Algúns tardan máis ca outros... pero necesítaos.

O corazón vai a cen... ten emocións que controla e que debe saciar. Hoxe ... fíxoo.

Canto dura o amor? Pouco. Dura máis o aburrimento.

Mentres escoita a canción, chora.

Sente... iso é bo.

Onde queda o "romanticismo"? Onde xace a paixón?... é unha muller apaixonada.. sábeo.

Bo día a todo o mundo, agás a aquelas persoas que quedan durmidas nunha conversa.... aínda que sexa a través dun chat.