O avó come papas de millo e xa non se lembra da neta maior.
Chora e seguro que no seu maxín pasan as lembranzas de cando era novo e lle chegaron as fillas, os fillos, os celtas, os ducados, o peixe e a botella de viño.
O avó come papas de millo que lle dá a filla maior e lémbrase con moita dificultade dos netos. Só daqueles que o foron visitar ao fogar onde non se respira o amor.
O avó pensou que comía papas de millo e á neta maior, da que non se lembra, acaba de caerlle unha bágoa que non puido deter na folla do lado.
O avó triste e só, masca, roe o último respiro de tabaco que lle queda no padal. Respira a última calada da cabicha da vida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario